Tuesday, August 28, 2018

Illa de Ons e Escola Naval de Marín


Cando arribei á Illa de Ons alá polo ano 1973, chamoume a atención, ao chegar por primeira vez ao Buraco do Inferno, unha cruz que se atopaba ao carón do cantil.
Nun primeiro intre coidei que sería unha desas tantas cruces que recordan aos naufraxios ocorridos ao longo da nosa costa pero, ao aproximarme puiden ler a placa que rememoraba a un garda mariña da Escola Naval Militar de Marín, de nome José Luís Herrero Paadín, que perdera a vida neses cantís no ano 1963.
Preguntei máis dunha vez que fora o que pasara, e de verdade que nunca conseguín unha resposta clara. Para uns que caira polo Buraco, outros que se despenara polo cantil,?, no había unha versión precisa sobre a causa do fatídico accidente. O que si chamaba a atención é que nunca se fixera ningún tipo de homenaxe, ou eu, nestes corenta anos vinculado a Ons, nin o vivín nin o escoitei, sendo a Armada moi coidadosa, cumpridora e detallista con eses temas.
É por iso que cando lin no Faro que a pasada semana o Director da Escola Naval, xunto a un grupo de oficiais, achegáranse ata Ons para render homenaxe ao garda mariña falecido (segundo pon a nota, nuns exercicios de adestramento topográfico) encheume de satisfación saber, que non quedara tan fatal desenlace en tan só unha cruz no cantil (por certo moi deteriorada, agás que a arranxaran para esta homenaxe) é que un merecido acto en honor ao falecido fixo patente o bo facer da Escola Naval cos seus alumnos e mariñeiros.

A Illa de Ons e a Escola Naval teñen unha gran relación de amizade e de axuda, pero tamén de tristura. De amizade porque serviu a mediados do pasado século como lugar de prácticas dos seus alumnos e soldados. De axuda porque durante a traxedia do Prestige estiveron aí, loitando contra o chapapote. - de tristura porque, ao carón do garda mariña que perdeu a vida no Buraco do Inferno, houbo a triste desgraza do afundimento na Illa de Onza do remolcador da Armada Cíclope, destinado en Marin, onde perderon a vida 7 persoas entre oficiais e marinería.
Sería interesante que Parques Nacionais e a Armada fixeran un acto conxunto en recordo e homenaxe dos falecidos e á vez festivo por outros actos, como a axuda prestada pola Armada durante o desastre do Prestige e a prestada tamén polos mariñeiros de Ons cando o embarrancamento do Cíclope.

Articulo escrito por Celestino Pardellas De Blas y publicado en el Faro de Vigo el 11 de Diciembre de 2013


No comments:

Post a Comment