Información
extractada del artículo “A illa de ons, unha mestura de terra e mar” por Celestino
Pardellas de Blas.
A mediados do
século XIX, o Marqués de Valladares aluga a uns fomentadores cataláns os
terreos próximos ao peirao onde antes estiveran instaladas os barracóns onde
durmían os obreiros e alí instalan unha fábrica de salga. Esta industria da
salga vai traer un importante cambio económico: a agricultura e gandería pasan ao
campo do autoconsumo e o traballo na fábrica e a pesca van a ocupar os labores
dos illáns.
Nun primeiro
intre, esta fábrica vai ocupar un lugar preferente dentro da salga da ría de
Pontevedra. O motivo era ben
claro: a pesca realizábase preto da Illa e, ao cargar, íase a vender a ela, co
que, nunha mesma xornada poderían facer dúas vendas ao ter comprador ao seu
carón.
Esta industria
vai traer cara a Ons moitos barcos de pesca e os illáns buscan enrolarse neles.
Nun principio tivérono difícil debido á súa escasa experiencia como mariñeiros,
pero xurdiu unha idea que provocou o seu enrolamento.
Os illáns máis
poderosos (tiñan casa ampla, terras e gando), propuxéronlle aos armadores –
patróns que viñan pescar a posibilidade de quedar a durmir nas súas casas
durante a semana e así poderían pescar, vender e non ter
que desprazarse diariamente aos seus lugares de orixe e a cambio eles enrolaban
a alguén da familia. O resultado foi moi positivo pois, en pouco tempo, os
veciños enrolados aprenderon o oficio, mercaron dornas e comezou a aventura mariñeira
dos habitantes da Illa de Ons.
A fábrica de
salga pechou axiña, durou arredor de 10 anos, pero os illáns xa entraran no
mundo mariño e comezaron a explotar os seus recursos, principalmente, polbo e
congro, que eran dúas especies que abundaban na súa costa, moi demandadas e de
doada conservación por medio da salga e secado. Aínda así, tiñan grandes
dificultades para a venda ao ter que desprazarse ata Bueu, Cangas, Pontevedra
ou Portonovo e despois alí malvender, por mor das estratexias que os mercadores
buscaban ao saber que non ían volver coa mercadoría de novo á Illa.
A fábrica de
salga trouxo un renacer económico aos illáns, aprenderon o oficio de mariñeiro
e as mulleres traballaron na salga. Ao pechar esta e coa dificultade para a
venda que tiñan os seus produtos pesqueiros, provocou uns anos de dificultades
ata que, a partir do ano 1919, cando xorde en Ons unha Sociedade Limitada que,
dirixida polo “dono” da Illa, o Sr. Riobó, vaise dedicar ao secado e
comercialización de polvo e congro. De novo van atopar traballo e
comercialización na propia Illa dos seus produtos e con iso outro pulo
económico.
Fuente: Articulo
tomado de la revista ARDENTÍA Numero 6