Monday, April 30, 2018

La pesca en la Isla de Ons - 1835


Información extractada del artículo “A illa de ons, unha mestura de terra e mar” por Celestino Pardellas de Blas.

A mediados do século XIX, o Marqués de Valladares aluga a uns fomentadores cataláns os terreos próximos ao peirao onde antes estiveran instaladas os barracóns onde durmían os obreiros e alí instalan unha fábrica de salga. Esta industria da salga vai traer un importante cambio económico: a agricultura e gandería pasan ao campo do autoconsumo e o traballo na fábrica e a pesca van a ocupar os labores dos illáns.
Nun primeiro intre, esta fábrica vai ocupar un lugar preferente dentro da salga da ría de Pontevedra. O motivo era ben claro: a pesca realizábase preto da Illa e, ao cargar, íase a vender a ela, co que, nunha mesma xornada poderían facer dúas vendas ao ter comprador ao seu carón.
Esta industria vai traer cara a Ons moitos barcos de pesca e os illáns buscan enrolarse neles. Nun principio tivérono difícil debido á súa escasa experiencia como mariñeiros, pero xurdiu unha idea que provocou o seu enrolamento.
Os illáns máis poderosos (tiñan casa ampla, terras e gando), propuxéronlle aos armadores – patróns que viñan pescar a posibilidade de quedar a durmir nas súas casas durante a semana e así poderían pescar, vender e non ter que desprazarse diariamente aos seus lugares de orixe e a cambio eles enrolaban a alguén da familia. O resultado foi moi positivo pois, en pouco tempo, os veciños enrolados aprenderon o oficio, mercaron dornas e comezou a aventura mariñeira dos habitantes da Illa de Ons.
A fábrica de salga pechou axiña, durou arredor de 10 anos, pero os illáns xa entraran no mundo mariño e comezaron a explotar os seus recursos, principalmente, polbo e congro, que eran dúas especies que abundaban na súa costa, moi demandadas e de doada conservación por medio da salga e secado. Aínda así, tiñan grandes dificultades para a venda ao ter que desprazarse ata Bueu, Cangas, Pontevedra ou Portonovo e despois alí malvender, por mor das estratexias que os mercadores buscaban ao saber que non ían volver coa mercadoría de novo á Illa.
A fábrica de salga trouxo un renacer económico aos illáns, aprenderon o oficio de mariñeiro e as mulleres traballaron na salga. Ao pechar esta e coa dificultade para a venda que tiñan os seus produtos pesqueiros, provocou uns anos de dificultades ata que, a partir do ano 1919, cando xorde en Ons unha Sociedade Limitada que, dirixida polo “dono” da Illa, o Sr. Riobó, vaise dedicar ao secado e comercialización de polvo e congro. De novo van atopar traballo e comercialización na propia Illa dos seus produtos e con iso outro pulo económico.

Fuente: Articulo tomado de la revista ARDENTÍA Numero 6



No comments:

Post a Comment